Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Noia colabora coa USPAN para mellorar a reciclaxe na Praza de Abastos


 

Entregaron 25 contedores marróns para promover a reciclaxe de residuos orgánicos

O concelleiro de Medio Ambiente, Martín Fernández Godón, e a concelleira de Comercio, Mariola López, veñen de entregar 25 contedores marróns para promover a reciclaxe de residuos orgánicos na Praza de Abastos da localidade. Unha iniciativa que conta coa colaboración da Mancomunidade Serra do Barbanza, Eulen e a asociación Usuarios da Praza de Abastos de Noia (USPAN).

Estes caldeiros marróns recollerán todo tipo de restos orgánicos que se produzan na Praza de Abastos de Noia: froita e verdura, carne e peixe, pan, galletas, cereais, cascas de ovo, marisco ou froitos secos, restos de plantas, pousos do café, tapóns de cortiza, restos de infusións (sen grapas) e papel de cociña sen tinturas. Así llelo explicaron técnicos de Eulen ás persoas propietarias dos distintos postos, que levaron cadanseu contedor.

“O obxectivo final é promover a reciclaxe, sobre todo nun lugar como a Praza de Abastos onde todos os días se produce gran cantidade de lixo orgánico e, de acordo coa USPAN, decidimos achegar aquí os primeiros caldeiros marróns que se reparten en Noia”, explica Martín Fernández Godón. Unha iniciativa que está incluída nun programa máis amplo promovido pola Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, entidade beneficiaria de dúas subvencións PIMA-Residuos 2017 do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

Un programa que o pasado mes de decembro xa permitiu a realización dunha charla sobre compostaxe doméstica en Noia, durante a cal o Concello de Noia fixo entrega de preto de medio cento de composteiros a outras tantas familias do municipio, ás que a empresa encargada da campaña lles está facendo un seguimento para comprobar que o composteiro está sendo ben empregado””.